Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta destinou en 2016 máis de 5.246.000 euros para obras de acondicionamento e mantemento dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria da provincia da Coruña


O 98 por cento dos traballos previstos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2016 están rematados ou en execución

O delegado territorial de Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o Concello de Porto do Son, onde foi recibido polo seu alcalde, José Luis Oujo Pouso. Xuntos, e acompañados polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, visitaron os CEIP de Portosín e Santa Irene, e o IES de Porto do Son, onde comprobaron as últimas actuacións levadas a cabo pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

No caso do CEIP de Portosín, a Xunta investiu 14.992,99 euros, destinados á substitución da carpintería das ventás. No CEIP Santa Irene investíronse 35.748,29 euros na reforma dos aseos para alumnos e profesores, e outros 4.901,60 euros nunha rampla para alumnos con problemas de mobilidade. O investimento total da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nestes dous centros ascendeu no ano pasado a 55.574,88 euros. En canto ao IES de Porto do Son, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria executou a cuberta e peche lateral do pavillón polideportivo, cun custe de máis de 120.000 euros. O investimento da Xunta de Galicia nos centros educativos de Porto do Son durante o ano 2016 superou os 185.000 euros.

En total, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou neste ano 5.246.000 euros a obras de mantemento mellora dos centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da provincia da Coruña. En concreto, o orzamento para os colexios de Infantil e Primaria ascende a 3.886.000 euros, mentres que en centros de Secundaria a consellería inviste 1.360.000 euros. A día de hoxe, o 98 por cento destes traballos están xa rematados ou en fase de execución.

Ovidio Rodeiro e José Luis Oujo aproveitaron a ocasión para saudar aos membros de ambas as dúas comunidades educativas. O delegado territorial agradeceu a mestres e traballadores “o esforzo que facedes cada día por manter viva a vosa vocación” e destacou a importancia “da tarefa que tedes os que dedicades as vosas vidas á formar aos galegos do futuro”. “Sen dúbida, engadiu, tendes unha misión fermosa, dura pero moi reconfortante”. O delegado e o alcalde mantiveron, así mesmo, unha xuntanza para tratar outros asuntos que afectan ao concello.